Morre un veciño de Arteixo nunha liorta de Noitevella nun hotel de Oleiros


Contra as seis da mañá, un mozo duns trinta anos falecía nos salóns do aparthotel das Galeras, en Bastiagueiro, onde se hospedaban dous grupos de persoas para celebrar a Noitevella.

Por razóns que se investigan, iniciouse unha liorta entre varias persoas que rematou coa morte do home. Tras unha chamada ao 112 alertando dunha persoa ferida, ao lugar desprazábase persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias 061 e axentes da policía local e da Garda Civil, que non lograron salvar á vítima pese aos intentos de reanimación.

Tras confirmarse o falecemento, ás dez da mañá deste mércores producíase o levantamento do cadáver, que foi trasladado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña para realizarlle a autopsia e determinar as causas exactas da morte.

Tamén se procedeu á detención de dúas persoas que foron conducidas ao cuartel da Garda Civil de Lonzas na Coruña.