Unha muller de 38 anos faleceu este luns tras chocar frontalmente o vehículo que conducía contra un autobús escolar, que neses momentos non levaba pasaxeiros, no polígono da Sionlla, en Santiago de Compostela.
Segundo informou o 112, foi un particular o que avisou o servizo de emerxencias minutos despois das 10:00 horas. Alertou dun sinistro na estrada N-550, á altura de Finsa, en dirección á Coruña.
Segundo manifestou o alertante, no interior do vehículo había unha persoa inconsciente, que ademais estaba atrapada. Ata o lugar acudiron os servizos sanitarios, os bombeiros de Santiago, a Garda Civil e a Policía Local. O persoal de limpeza e mantemento do Ministerio de Fomento encargouse da retirada dos restos do sinistro co fin de restablecer as condicións de seguridade na vía. O persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 só puido confirmar o falecemento da muller. No lugar tamén atenderon un home de 47 anos.