Morre unha persoa nun accidente en Moaña e tamén falece un motorista en Salvaterra de Miño

1 minutes read

O accidente de Moaña, no que tamén resultaron feridas tres persoas máis, ocorreu pouco antes das 8:00 horas deste sábado, no quilómetro 148 da AP-9. Polo que indicou un alertador, un coche e unha furgoneta sufriran un accidente, de maneira que o turismo quedou envorcado, con xente incapaz de saír do interior. Rápidamente, os xestores do 112 Galicia informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros do Morrazo e de Vigo e á Garda Civil. O condutor da furgoneta saíu ileso. Porén, no coche unha persoa perdeu a vida, sen que nada se puidera facer por salvala. Os bombeiros tiveron que excarcerar a un dos ocupantes do coche, mentres que as urxencias sanitarias indicaron que tiveran que trasladar a tres feridos ata o hospital de referencia.

Motorista falecido en Salvaterra de Miño

O 112 Galicia recibiu o aviso por este accidente arredor da 1:15 horas da madrugada deste sábado. O alertador non sabía como ocorrera o accidente, no quilómetro 10 da PO-510, pero indicaba que o motorista podía estar falecido. Os xestores do 112 Galicia informaron ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e á Garda Civil, que se desprazaron ata o punto, aínda que só puideron confirmar o falecemento do motorista.