Morren 38 persoas nunha avalancha dobre en Turquía

dpm.

Polo menos 38 persoas morreron nas últimas horas por dous aludes de neve que sepultaron aos equipos de rescate que buscaban sobreviventes dunha avalancha previa na provincia de Van, no sueste de Turquía. O gobernador da provincia, Mehmet Emi Bilmez, explicou á axencia Anadolu que «un segundo alude caeu sobre os equipos de rescate que buscaban aos desaparecidos» na primeira avalancha, ocorrida o martes pola noite, e que sepultara un minibus e causado polo menos cinco mortos. Horas máis tarde, a axencia gobernamental de emerxencias AFAD emitiu un comunicado, accesible na súa web, informando de que no segundo incidente habían falecido 33 persoas e que 53 quedaran feridos. Durante o momento do desastre, ocorrido no municipio de Bahçesaray, a uns 40 quilómetros ao sueste da capital provincial de Van, máis de medio centenar de traballadores de rescate achábase no lugar afectado pola primeira avalancha. Os equipos estaban a buscar os corpos de dúas persoas que quedaran desaparecidas á noite, ao caer un alude sobre unha máquina quitaneves e un minibus que transitaban por unha estrada nevada. Oito persoas foran liberadas con vida do vehículo sepulto, á vez que se recuperaron cinco cadáveres, pero esta mañá os equipos seguían buscando a dous desaparecidos, cando sobreveu o segundo e letal alude. Unhas 30 persoas destes grupos de axuda puideron ser rescatadas, pero prosegue a procura doutras posibles vítimas que permanecen desaparecidas tras o dobre desastre.