Unha fábrica converteuse na tumba dos 43 empregados que faleceron en Nova Deli, a India. Completamente negras amencían as paredes da industria na zona de Anaj Mandi. Estaban a durmir nas instalacións cando comezou o lume. Dezaseis dos traballadores que lograron sobrevivir resultaron feridos por inhalación de fume. Segundo os bombeiros, na India é común que algúns empregados durman nos lugares de traballo para aforrar o gasto de aloxamento. Con todo, moitas fábricas, como a que se incendiou, atópanse en edificios vellos sen elementos de seguridade contra incendios e con instalacións eléctricas obsoletas. Neste caso a principal hipótese é que o incendio se produciu por un curtocircuíto. O Goberno anunciou que indemnizará aos feridos e aos familiares dos falecidos e que se fará cargo dos custos dos tratamentos médicos.