Morren dous motoristas, en Ponteareas e Ribeira, outro resulta ferido grave en Santa Comba

Ambulancia medicalizada

Un motorista faleceu este sábado ao colidir contra un turismo cando circulaba coa súa moto polo lugar de Canedo, en Ponteareas. O sinistro produciuse pasadas ás 18:30 horas, tal e como indicou a persoa particular que contactou co 112 Galicia para dar conta dun grave accidente nese lugar. Axiña, os xestores do 112 Galicia avisaron aos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos axentes da Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil da localidade. Do mesmo xeito, o persoal do GES-SPEIS de Ponteareas foron informados por se fose necesaria a súa colaboración. Malia os esforzos do persoal sanitario, nada puideron facer por salvarlle a vida.

Noutro sinistro acontecido a última hora deste sábado, tamén morreu outro motorista, o accidente tivo lugar na parroquia de Aguiño, en Ribeira.

Motorista ferido de consideración en Santa Comba
Tamén se produciu outro accidente en Santa Comba, no cal, un motorista precisou asistencia sanitaria urxente. Unha persoa particular alertaba ao 112 dun motorista que sufriu unha caída no lugar de Arantón, concretamente, ao lado da igrexa de San Vicente. Ata o lugar desprazáronse informados polos xestores de emerxencias os profesionais sanitarios de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, os axentes de Tráfico e os membros do Servizo Municipal de Protección Civil da vila. Igualmente, os Bombeiros de San Comba foron informados por se fose preciso a súa intervención.