Morren un home de 40 anos e a súa filla de 17 nun accidente de tráfico en Ames

1 minutes read

O condutor e a acompañante dun dos vehículos implicados neste accidente perderon a vida debido á colisión, trátase dun pai e a súa filla de 17 anos, ambos veciños de Laraño, en Santiago de Compostela. Ao parecer a menor saíu despedida porque, segundo as primeiras investigacións, non levaba posto o cinto de seguridade. No outro turismo, dous ocupantes tiveron que ser excarcerados polos servizos de emerxencia.

Eran ás 17:45 horas deste domingo cando os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia foron informados dun accidente grave na AC-543, ao seu paso pola parroquia de Ortoño, en Ames (A Coruña). Segundo puido saber o 112 Galicia, debido á colisión podería haber persoas atrapadas e que precisasen asistencia sanitaria urxente.

De inmediato, os xestores pasaron aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro e de Santiago, aos membros do GES de Brión, aos axentes da Garda Civil e da Policía Local e aos efectivos de Protección Civil de Ames.

Nada máis chegar ao punto, o persoal sanitario confirma ao 112 Galicia que os dous ocupantes dun dos vehículos implicados perderan a vida debido á colisión. A maiores, foi necesaria a intervención dos Bombeiros para realizar labores de excarceración e liberar a dúas persoas do interior do outro vehículo implicado, ambos feridos de consideración.

Os Bombeiros tiveron que encargarse de liberar do interior dun dos vehículos a unha das vítimas mortais.