Segundo informou o 112 Galicia, foi a muller dun dos ocupantes a que atopou o coche accidentado despois de presentar unha denuncia pola súa desaparición. Na chamada que realizou aos servizos de emerxencia alertaba de que o coche envorcara nun terraplén e o seu marido de 56 anos estaba no interior, falecido, mentres que o outro ocupante, unha muller de 45 e residente en Carral, foi localizada, tamén sen vida, suspendida nas ramas dunha árbore a uns oito metros de altura, polo que todo apunta a que debeu de saír despedida polo impacto. O sinistro produciuse na estrada AC-542 ao seu paso pola parroquia de Bruma. No lugar do sinistro traballaron axentes da Garda Civil de Tráfico e os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como os especialistas do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias do Colexio Profesional de Psicólogos de Galicia para dar atención especializada á familia no mesmo lugar dos feitos.