Morren nai e fillo nunha saída de vía en Abegondo

A localidade coruñesa de Abegondo rexistrou na mañá deste mércores un grave accidente de tráfico no que faleceron dúas persoas e unha terceira resultou ferida de consideración.

Sucedeu pouco antes das dez desta mañá na A-6, á altura das instalacións deportivas de Mabegondo. Concretamente nese punto, o vehículo no que viaxaban as vítimas saíuse da vía e bateu contra a mediana, tal e como indicaron as persoas que chamaron ao 112 Galicia para pedir axuda. 

Para a atención das vítimas foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Betanzos e dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aínda que nada puideron facer por salvar a vida de dous dos ocupantes do vehículo, unha muller de 55 anos e un mozo de 19, mentres que a outra persoa que ía no coche, unha moza de 18 anos, estaba ferida pero accesible. Co fin de axilizar o traslado ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), o equipo médico dispuxo o helicóptero medicalizado con base en Santiago.

Este operativo completárono os axentes da Garda Civil de Tráfico e os membros de Protección Civil de Abegondo. 

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha