Os últimos datos ofrecidos polo SERGAS dan conta do falecemento de tres mulleres de 82, 86 e 87 anos de idade nas últimas horas. As tres estaban ingresadas no hospital Lucus Augusti de Lugo e presentaban patoloxías previas.
Dúas delas, as de 86 e 87 anos corresponden a mulleres que procedían da residencia do Incio, polo que xa se elevan a catorce as vítimas desta institución finadas con coronavirus.
Por outra parte, aumenta nas últimas horas o número de pacientes nas unidades de coidados intensivos, onde hai 17 ingresados. Tamén soben os hospitalizados en planta, 177 neste momento e os que pasan a enfermidade na casa son 3.943.
Coas tres mortes deste sábado son xa 40 as persoas falecidas nesta segunda vaga desde o sete de agosto, e 659 os mortos con coronavirus rexistrados en Galicia.