Michael Robinson naceu o 12 de xullo de 1958 en Leicester. Cando tiña catro anos toda a súa familia mudouse á cidade costeira de Blackpool, onde pasaría toda a infancia. O seu pai Arthur Robinson foi tamén futbolista. Estaba casado con Christine Robinson e tiveron dous fillos, Liam e Aimee.
Despois de retirarse do fútbol estivo a vivir en Windsor, pero por mor do seu traballo en España terminou establecéndose en Madrid. En decembro de 2018, nunha entrevista no programa La Ventana da Cadena SER, anunciou que padecía un melanoma con metástase avanzada. Faleceu como consecuencia do mesmo este martes 28 de abril de 2020, aos sesenta e un anos.
Os seus achegados utilizaron a súa conta oficial para comunicar “con tremenda tristeza” o falecemento de Michael Robinson. “Déixanos un gran baleiro, pero tamén innumerables recordos, cheos do mesmo amor que lle demostrastes. Estarémosvos eternamente agradecidos por facer a este home TAN FELIZ, nunca camiñou só”, lese na mensaxe.