A persoa foi localizada na auga boca abaixo e sen constantes, polo que axiña comezaron cos labores de reanimación, aínda que sen éxito. Así o explicaron os efectivos do servizo local de emerxencias, que acudiron ao areal en canto saltou a alerta a través do 112 Galicia.
Efectivamente, varias persoas particulares marcaron o número único para dar conta dun home ao que intentaban recuperar tras sacalo da auga en parada. Decontado, pediuse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mesmo enviou ao punto un equipo a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago. Mais todo intento foi en balde, a persoa faleceu finalmente.
Quen acompañaba ao falecido, atopouno flotando na auga boca abaixo. Grazas á súa formación médica, sacouno da auga e comezou rapidamente coa reanimación, pero nada se puido facer por salvar a esta persoa.
Ademais dos sanitarios, desde o 112 Galicia, avisouse aos axentes da Policía Local e Nacional, así como aos efectivos do servizo local de emerxencias.