Os accidentes co tractor ou outra maquinaría agrícola levan por diante, en Galicia, a vida de aproximadamente, 20 persoas ao ano. Unha tendencia que nos últimos anos vai en aumento. Entre o 2014 e 2018 houbo 69 falecementos, dos cales, 53, producíronse entre o 2016 e 2018. Neste ano 2019, e con data de mediados de Agosto levamos 13 vítimas mortais en 70 accidentes.
O perfil do tractorista falecido en accidente é o dun home maior de 65 anos, con residencia en zona rural e que manexaba un tractor con máis de 20 anos de antigüidade, o cal, na maior parte dos casos, era de segunda man. Excepcións a este perfil son as dunha persoa falecida en Castroverde con 38 anos, outra de 40 no Incio, atrapado por unha peza cortadora de leña e outro mozo de 35 anos, que caeu por un terraplén.
En canto ao modus operandi do accidente este adoita producirse polo envorco do tractor con posterior esmagamento do condutor. Estes tractores carecen de arco de seguridade, de existir esta medida evitaríanse a maioría de mortes por este motivo. Ademais, a idade avanzada dos condutores, aumenta considerablemente as tráxicas consecuencias derivadas dos sinistros con tractor. Os accidentes adoitan ter lugar en leiras, terrapléns e terreos irregulares e empinados.
Cabe destacar que á irreparable perda de vida humana do ser querido hai que unir o problema que xorde á hora de catalogar o accidente. De cando en cando son considerados accidente de tráfico e moi poucos, accidente laboral, a pesar de que a maioría deles prodúcense realizando tarefas agrarias ou en desprazamentos curtos entre domicilio e leira a traballar. O 95% das vítimas non están afiliadas ao Réxime Especial Agrario, co que a posteriori, toca ás familias, o amargo grolo de pelexar contra os seguros e pasar polo trámite de longos e custosos preitos.
Outros factores para ter en conta na alta sinistralidade, neste tipo de accidentes son, por unha banda, o carácter multidisciplinar do oficio, no que se realizan distintas tarefas: agrarias, gandeiras, de mantemento, reparacións, mesmo de carpintería, etc. Por outra banda, a enorme dispersión xeográfica, distancia dun centro de saúde e a imposibilidade, nalgún momento, de realizar unha chamada de emerxencia por non ter ou ter pouca cobertura, ten como fatídico resultado o aumento dos falecidos.
A solución a este problema pasa pola urxente necesidade de renovar o parking nacional de vehículos agrarios, fomentándoo cun paquete de medidas sólido, encamiñado á axuda e o financiamento destes vehículos por parte das diferentes administracións, tendo en conta as peculiaridades dos usuarios dos mesmos. A obrigatoriedade de formarse non só en prevención de riscos laborais se non tamén en primeiros auxilios. Ademais de adaptarse aos constantes avances do sector.
Agora ben, convén ser consciente que nos enfrontamos a unhas medidas, que no caso de persoas maiores de 65 anos, resultan complicadas de facer efectivas. A pesar disto, débese insistir, concienciar e informar detalladamente o risco que supón traballar con estes obsoletos tractores. Hai moitas vidas humanas en xogo.
ALEJANDRO LUÍS OTERO JAMARDO