O voceiro do PSdeG en materia sanitaria, Julio Torrado, secundou a protesta veciñal para advertir da falta de persoal no centro de saúde de Ribadumia que, sinala, é extensiva ao resto da comarca e que ao seu xuízo se debe, en última instancia, ao «desleixo» da Xunta. Dende o punto de vista do deputado socialista, a veciñanza de concellos coma estes está a «pagar en primeira persoa» a «xestión desastrosa da Consellería». O seu «inmobilismo», cre, «contrasta coa xestión do Ministerio de Sanidade, que vén de convocar o maior MIR da historia», con 7.512 prazas de persoal médico «das que 457 son para Galicia, un 13,1% máis». Pero «Galicia padece o déficit de xestión dun goberno galego que en dez anos deixou de pedir un total de 150 prazas MIR de medicina familiar, 150 profesionais que non están formados única e exclusivamente polo desleixo e mala xestión do Goberno galego», acusa.