Movistar comprométese co concello de Carballo a continuar co despregue da fibra óptica

1 minutes read
  • Un dos obxectivos de Telefónica e do concello é a implantación do servizo a curto prazo no polígono industrial de Bértoa

A directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez, acompañada por outros cargos da empresa, participou esta semana nunha reunión co alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e técnicos municipais coa intención de facer balance do plan de extensión de fibra óptica iniciado hai case tres anos, e que na actualidade, segundo os datos ofrecidos polos representantes da compañía, chega ao 85% do territorio.

Con este dato, segundo indicaron, Carballo é un dos concellos galegos con máis implantación de fibra óptica, e a intención é seguir ampliándoa ata cubrir a totalidade o concello.

A empresa e o concello contan cun convenio xeral que axiliza as cuestións burocráticas e, polo tanto, o proceso de implantación da fibra óptica. Nestes momentos estase a traballar na consecución de pasos nas zonas de Pedra do Sal (Lema) e Outeiro (Sísamo). Sen embargo, un dos principais problemas para completar o despregue está no polígono industrial de Bértoa debido a que a rede existente pertence a outra compañía.

Tanto por parte de Telefónica como do Concello de Carballo existe moito interese na implantación da fibra óptica na área empresarial, e están a estudarse todas as posibilidades para facelo o antes posible.