Moz@s de 6 a 15 anos teñen a oportunidade de iniciarse no motociclismo na Laracha

2 minutes read

Este venres ás 11:00 horas abrirase a inscrición para participar en Xogade coas motos, o evento que se vai celebrar na praza Les Sables d’Olonne da Laracha o vindeiro día 16 de setembro co propósito de ofrecer a nenos e adolescentes (de 6 a 15 anos de idade) a posibilidades de iniciarse no motociclismo probando unha moto de velocidade.

Aquelas persoas interesadas deben anotarse cubrindo os datos requiridos nesta ligazón: https://www.xogadecoasmotos.com/xogade-a-laracha. As prazas serán outorgadas por estrita orde de inscrición. Ata o 7 de setembro só se permitirá anotarse a persoas que estean empadroadas no concello da Laracha. No caso de quedar prazas vacantes, abrirase a inscrición a non empadroados a partir do 8 de setembro. A participación é gratuíta, requiríndose a cada asistente que veña equipado con guantes (de moto ou bici), botas (de moto ou tipo trekking) e roupa térmica ou sotomono.

Este evento é organizado por VFM Motoclub co apoio do Concello, a Federación Galega de Motociclismo e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia a través do Programa Xogade (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar). A Laracha é o único municipio da provincia da Coruña incluído no calendario desta iniciativa.

Xogade coas motos pretende fomentar o motociclismo de base facilitando o acceso dos máis pequenos ás motos de velocidade. A actividade non será competitiva, xa que a finalidade esencial é coñecer se aos rapaces lles gusta o deporte do motociclismo. Os participantes terán acceso gratuíto ás motos, monos e cascos para realizar distintos exercicios de habilidade que serán dirixidos por monitores, encargados tamén de valorar o nivel do neno e de ofrecerlle esa información aos pais.

Trátase de ofrecer unha primeira toma de contacto que permita aos rapaces con inquedanzas polo motociclismo coñecer e achegarse a este deporte sen necesidade dun investimento inicial e, de ser o caso, recibir asesoramento para a súa práctica habitual nas diferentes opcións dispoñibles en Galicia (escolas, circuítos, competicións, etc).

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?