- A intervención consiste na limpeza e pintado dos muros no interior e no exterior das instalacións
Os dez alumnos-traballadores da especialidade de pintura industrial en construción do obradoiro A Laracha-Arteixo: colaborando polo emprego V están a executar as actuacións previstas nas instalacións do campo de fútbol A Porta Santa de Paiosaco. Os labores consisten na limpeza completa dos muros e o seu posterior pintado, tanto no exterior como no interior destas instalacións de titularidade municipal.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Promoción Económica e Emprego, Rocío López, interesáronse polo desenvolvemento destes traballos e reuníronse no lugar das actuacións cos alumnos-traballadores e con parte do equipo docente.
Os Concellos da Laracha e de Arteixo, co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, organizan este obradoiro con tres obxectivos esenciais: mellorar a empregabilidade das vinte persoas participantes, crear postos de traballo e mellorar as infraestruturas públicas municipais. O programa contempla incentivos económicos para a contratación dos alumnos-traballadores por parte das empresas unha vez remate o seu período formativo coa finalidade de favorecer a integración dos participantes no mercado laboral xa no sector privado.