Mulleres loitadoras de Ponteceso celebraron o Día Internacional da Muller Rural

1 minutes read
Cedida.

O Concello de Ponteceso conmemorou o Día Internacional da Muller Rural coa celebración dun acto no local da asociación da Campara. Tres mulleres e en representación de todas as mulleres do concello, relataron a súa experiencia vital e profesional. Patricia Gundín Garrido, autónoma e emprendedora; Isabel García García que desempeña o seu traballo no sector da compra e venda de peixe; e Ana Dávila Durán do Bodegón O Labrego de Corme, con 23 anos de experiencia na hostalería, proveñen de sectores profesionais diversos pero todas elas con un nexo en común: proceden do ámbito rural.

Tamén estaba previsto que participara no evento María Jesús Blanco Cancela de Granxa Ourada que por motivos laborais non puido estar. Todas elas son mulleres loitadoras e que desempeñan un papel fundamental na nosa sociedade, e neste día, quedou patente a gran labor das mulleres rurais.
Ao final do acto a concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Atención ao Cidadán e Transparencia, Noelia Varela fixo entrega ás participantes dun diploma e un agasallo.
No evento estiveron presentes tamén a concelleira de Educación, Formación, Biblioteca e Patrimonio, Maite Chouciño, e representantes da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais, Fademur.
Con este evento o Concello de Ponteceso, como en anos anteriores, homenaxea ás mulleres rurais visibilizando a súa gran labor e contribución na sociedade.