- O COVID-19 castiga a expansión de Calvo e Jealsa en Italia, onde operan coas marcas Nostromo e Mare Aperto.
O primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, compareceu xunto ao seu ministro de Economía para anunciar unha partida de 7.500 millóns destinada a mitigar o impacto do coronavirus na terceira maior economía da zona euro. As estimacións da Banca de Italia falan dunha caída do 5,2% do PIB por mor da epidemia, que pechou colexios e universidades, afectou a máis de 26.000 persoas e deixou, polo momento, máis de 2.500 mortos. Nestas augas revoltas navegan as dúas maiores conserveiras galegas, Calvo e Jealsa, que teñen en Italia un dos seus principais mercados internacionais. Para a compañía de Carballo, de feito, é o seu terceiro maior mercado, onde opera coa marca Nostromo que adquiriu nos anos noventa. Jealsa fíxose co 100% de Mare Aperto en 2015, aínda que entrara con anterioridade no país transalpino mediante unha joint venture coa multinacional Star.
CALVO FACTURA 130 MILLÓNS EN ITALIA
Quen máis se xoga en Italia é Calvo que, curiosamente, está participado nun 40% por unha firma italiana, Bolton Group. Por detrás de Brasil e España, é a praza máis importante para o grupo que pilota Mané Calvo, a pesar do retroceso do 4% en volume de negocio que experimentou en 2018. Aquel curso, segundo o último informe de contas presentado pola conserveira, a filial italiana había logrado uns beneficios antes de impostos de 1,6 millóns. Calvo chegou a contar cunha planta en Calabria, situada en Vibo Valentia, cun centenar de traballadores. En Europa facturou 496,6 millóns en 2018, sendo os mercados máis importantes o español e o italiano. Aínda que non desagrega as cifras, Nostromo factura ao redor dos 130 millóns de euros ao ano, segundo fontes empresariais. Haberá que ver como a pandemia do coronavirus afecta ao desenvolvemento empresarial destas multinacionais.