- Os participantes percorreron parte do territorio dos concellos de Carballo, Coristanco e Santa Comba afectado polo “megaparque” eólico de Bustelo, Campelo e Monte Toural.
A Plataforma Non Eólicos Bustelo – Campelo – Monte Toural organizou este domingo a II andaina reivindicativa pola defensa do rural. A marcha saíu ás dez da mañá de Vilela de Entrecruces (Carballo) e pasou por varios núcleos de poboación afectados polos novos parques eólicos, como son A Abelenda e Mira (Coristanco) para chegar case tres horas despois á fervenza de Castriz (Santa Comba). Polo camiño púidose comprobar o impacto evidente doutros parques eólicos xa existentes, como é o do Monte Castelo, situado xusto detrás das vivendas do núcleo coristanqués da Abelenda.
No punto de chegada, procedeuse á lectura dun manifesto, no que se sinalaron as graves consecuencias que tería a instalación destes “tres parques eólicos, ou mellor sería dicir, un megaparque” dividido en tres para acollerse á autoestrada da depredación posta en marcha pola Xunta de Galicia en forma de Lei”. Unha infraestrutura que afectaría gravemente ao modo de vida sostible propio desta zona rural, á súa economía agro gandeira e tamén poría en perigo a contorna da Lagoa de Alcaián, onde nace o o río Mira, que alimenta de auga ao río Xallas (que desemboca de xeito tan espectacular no Ézaro) e onde sobreviven varias especies protexidas e en perigo de extinción, tanto animais como vexetais, algunhas delas, como é o caso da Centauria Ultreia, únicas no mundo.
A lectura do manifesto deu paso a unha regueifa, moi crítica co tratamento político da situación, que ofreceron as Pataqueiras de Coristanco e a xornada continuou pola tarde cun xantar popular ao carón da fervenza.
Nesta acción colaboraron varias entidades dos 3 municipios afectados polo “megaparque” eólico Bustelo-Campelo-Monte Toural, entre as que cabe destacar a Asociación Cultural e Veciñal A Fonte Salgueira, As regueifeiras Pataqueiras de Coristanco, A Asociación de Mulleres Rurais Airiños do Xallas e tamén o concello e Protección Civil de Santa Comba.