Medio millón de persoas, segundo a organización, e 15.000 segundo a Policía participaron este venres en Madrid na gran Marcha polo Clima, capitaneados polo movemento xuvenil Fridays for Future e Mocidade polo Clima e a súa inspiradora, a activista sueca Greta Thunberg, que tivo que abandonar a manifestación por motivos de seguridade para reaparecer ao final sobre o escenario.
En ambiente festivo, os manifestantes avanzaron pola arteria principal de Madrid encabezados por unha gran pancarta na que se podía ler en español e inglés ‘O mundo espertou á emerxencia climática’. Outras mensaxes rezaban lemas como ‘O planeta seguirá existindo, nós irémonos extinguindo’ ou ‘Cambia a túa vida, non o teu clima’, e escoitáronse berros como ‘Nin un grao máis, nin unha especie menos’, ‘Menos emisións e máis solucións’ e outros alusivos ao Cume do Clima, que cualificaban de «farsa», e críticas ao alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida.
O único momento de tensión viviuse cando a moza activista sueca tentou con moitos problemas incorporarse á marcha, primeiro pola praza de Neptuno, despois polos laterais, ata que finalmente tivo que desistir por recomendación da policía e desprazarse ata Novos Ministerios a bordo dun coche eléctrico e rodeada por un potente cordón de seguridade. A manifestación iniciou o seu percorrido na glorieta de Atocha sobre as 18:00 horas, encabezada polos mozos do movemento Fridays For Future (FFF), representantes indíxenas chilenos, sindicalistas e ecoloxistas, que atenderon aos medios para subliñar o seu compromiso coa defensa do planeta.