- Sánchez acudiu á cidade para arroupar á alcaldesa, Inés Rey, e a unha decena de cabezas de lista para as municipais do 28 de maio.
O secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante un acto celebrado na tarde deste venres na Coruña, fixo fincapé en que “xestionan mellor a economía porque pensan no interese xeral da cidadanía e na maioría social do país”. “Pódese crecer máis que a media europea, crear emprego como nunca e conter a inflación”, recalcou.
Así mesmo, o presidente lembrou que “se pode crear emprego e subir o SMI. Pódense dignificar as pensións de hoxe e garantir as de mañá” e remarcou que “todo eso é o que estamos a facer” e que “quen diga o contrario faio para xustificar recortes e privatizacións que levaron a cabo cando gobernaron”.
Pedro Sánchez lamentou “ter políticos negacionistas por acción ou por omisión como os da dereita e a ultradereita do país”. “Con Doñana, a dereita e a ultradereita están pelexados con todos e contra todos: contra a ciencia, contra os regadores legais, contra as sentenzas dos tribunais europeos e ata coa Comisión Europea”, criticou Sánchez.
O xefe do Executivo reprobou a actitude do PP e asegurou que “o problema non é só que perdesen o norte, senón que danan a reputación dun país tan europeísta como é España”. “E non imos permitilo”, sinalou.
Finalmente, o presidente remarcou que “o futuro sempre dá a razón ao progreso e o progreso tráeo o Partido Socialista” e asegurou que “o 28 de maio saímos a gañar, imos gañar as eleccións e imos ser a primeira forza política”.
A alcaldesa e candidata á reelección da Coruña, Inés Rey, asegurou que “o 28 de maio volveremos ser a primeira forza en Galicia”. “Conseguimos pasar da crispación ao dialogo e ao entendemento porque aquí hai xestión”. Inés Rey lembrou que “o que nos define como socialistas é a protección social e o non deixar a ninguén atrás”. “Onde estamos a gobernar é onde máis protección social hai”, subliñou.
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdG-PSOE, Valentín G. Formoso, recriminoulle ao líder do Partido Popular, Núñez Feijóo, que abandonase aos pensionistas e paralizase todas as obras de modernización e valorou que o presidente Pedro Sánchez comprometeuse co territorio e fai os investimentos necesarios para modernizar o país. “Seguiremos sendo os fieis representantes dunha formación política que volverá a gañar as eleccións en Galicia”, concluíu.