Proseguen a desvelarse as incógnitas e tamén a realizarse as presentacións dos candidatos/as que se presentarán ás eleccións municipais do vindeiro mes de maio nos diferentes concellos da Costa da Morte. É o caso do PSOE de Ponteceso, onde o actual alcalde Lois García Carballido estivo arroupado polo secretario xeral do PSdeG valentín González Formoso. Carballido, agradeceu o apoio do partido para a súa candidatura, que lle permitirá continuar co proxecto a 10 anos para a modernización da localidade. Salientou o apoio institucional da Deputación a través dos 3 millóns de euros para culminar 3 proxectos viarios fundamentais para a localidade. Tamén solicitou apoio provincial para a creación de espazos empresariais cun alugueiro asequible durante 5 anos no Polígono empresarial de Tella, así como o impulso do turismo e da cidade deportiva de Corme.

No caso do PP de Fisterra, a dirección do Partido Popular na provincia da Coruña, encabezada polo seu presidente, Diego Calvo, avalou a Luis Insua como cabeza de lista da formación popular. O novo líder dos populares en Fisterra coñece desde fai tempo o que significa a vida política municipal, tendo en conta que, con 22 anos, formou parte da lista do PP, unha circunstancia que tamén repetiría na última cita coas urnas no ano 2019, o que lle permitiu, recentemente, entrar a formar parte da corporación local. Confirmada a candidatura de Luís Insua, desde a dirección provincial popular quixeron agradecer o “gran traballo” realizado polo que foi alcalde e candidato, José Manuel Traba, quen, explicaron, de maneira voluntaria decidiu dar un paso á beira, á vez que se comprometeu a apoiar en todo o que Insua necesite nesta nova etapa.

En Cabana de Bergantiños, Tatiana Rellán Castro, recollerá o relevo de David Cancela á fronte da candidatura do BNG. Con formación no sector turístico e experiencia no empresarial, como autónoma, Tatiana Rellán está convencida de que dende o goberno de Cabana poderá traballar tanto polo desenvolvemento sostible dos impresionantes recursos turísticos do concello coma pola dinamización do sector empresarial. A súa principal preocupación son as persoas, e por iso fixa como prioridades a mellora da xestión do servizo de axuda no fogar e a elaboración dun plan director de abastecemento de auga e saneamento que permita planificar as actuacións precisas para que estes dous servizos imprescindibles cheguen a todas as parroquias.