Os Concellos de Muros, Carnota, Dumbría e Cee veñen de asinar un acordo de colaboración pioneiro para a creación dunha ruta costeira que, con inicio no municipio de Cee e fin no porto de Muros, permitirá concretar diversas iniciativas turísticas destes municipios. En palabras do anfitrión do acto de sinatura e principal impulsor da iniciativa, o alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, “nos últimos anos xurdiron no territorio unha serie de iniciativas que eran un claro exemplo dunhas inquedanzas latentes como a Senda Litoral de Galicia, Sendeiros entre Faros, Camiños de Andar ao Mar, Senda das Estrelas… Con este itinerario cultural pretendemos crear un armazón definitivo que serva para a concreción de todas estas iniciativas previas e outras que poidan xurdir no futuro”.
O acordo foi asinado no Hotel Meiga do Mar (Carnota) polas alcaldesas de Muros, María Lago, e de Cee, Margarita Lamela, e polos alcaldes de Carnota, Juan Manuel Saborido, e Dumbría, Raúl González. Un acto no que estiveron acompañados tanto por representantes das súas respectivas corporacións municipais como por integrantes das distintas asociacións de empresarios e hostaleiros da zona como Pepe Senande e Manuel Lema, membros de Hostalaría Ría da Estrela; Pepe Formoso, presidente da Asociación de Profesionais do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM); e Toño González, directivo da asociación Solpor.
Vertebración do territorio
A ruta transcorrerá por algúns recursos de altísimo valor paisaxístico e cultural como a antiga factoría baleeira de Caneliñas, o faro de Lariño e o resto de praias dos catro concellos. Porén, o seu grande atractivo radica en que transcorre ao carón dalgunhas das máis senlleiras iconas da costa galega como: a Fervenza do Ézaro, o Monte Pindo, a praia de Carnota, o Monte Louro, o núcleo histórico de Muros e, en ambos os dous extremos, dous Camiños de Santiago: o de Fisterra-Muxía e o da Ría de Muros Noia.