Muros celebra esta fin de semana unha nova edición da súa feira de Artesanía

2 minutes read

A Fundación Artesanía de Galicia, organiza esta fin de semana a feira Artesanía de Galicia en Muros, co obxectivo de impulsar a comercialización dos produtos da marca e divulgar os oficios que engloba o sector. Así o explicou a xerente da Fundación, Elena Fabeiro, durante a presentación deste evento que se levará a cabo o sábado 17 e o domingo 18 na praza de abastos e que conta coa colaboración do Concello de Muros.

Esta iniciativa busca apoiar ao sector artesán galego na súa adaptación a novos hábitos de consumo e a novas fórmulas de comercialización dos seus produtos para achegar a artesanía á sociedade, especialmente aos máis pequenos, ao mesmo tempo que contribúen a visibilizar a marca Artesanía de Galicia, os oficios artesanais e a fomentar o relevo xeracional.

Serán 17 os obradoiros de Artesanía de Galicia que participen esta fin de semana no evento organizado en Muros, correspondendo a diferentes ramas do sector como a cerámica e olería, a xoiería, xoguetes de madeira, elaboración e reparación de redes, vidro, bordado, esmalte, calceta e cestería. As marcas que participan como expositores son Arobe Cerámica e Arteviares (A Coruña); Laura Triñanes, Variopinto e Io Obradoiro Textil (Santiago de Compostela); Ana Méndez Cerámica (Pazos de Borbén); Artesanía Silvent (Caldas de Reis); Ceramicaq (Gondomar); Como Cuando (Vigo); Design Orfebres (Ourense); Mar Barral (Catoira); Obradoiro Gorín (Malpica de Bergantiños); Pilar Piñeiro Cerámica (Cangas); Redeiras Artesás (Ponteceso); e Tejeluz (Boiro).

Ademais, no mesmo horario da feira –de 11:30 a 14:30 e de 16:00 a 21:00 horas– terán lugar dous obradoiros abertos para familias: un sobre pintura decorativa sobre madeira, impartido pola artesá Leonor Díaz, de Como pez en el agua (Vigo); e outro de iniciación á cestería, a cargo de Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño).