Muros recibe unha axuda de 12.500 € para auditar a rede de saneamento


A Xunta concedeu unha axuda de 12.500 euros ao Concello de Muros para realizar unha auditoría na rede de saneamento que permita detectar verteduras e infiltracións, co fin de gañar en eficiencia na prestación do servizo e contribuír á calidade das augas da ría.

As conselleiras de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e do Mar, Rosa Quintana, achegáronse a Muros, un dos 22 concellos beneficiarios da primeira convocatoria da liña de axudas dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes, lanzada o pasado mes de setembro, e dotada cun total de 300.000 €, para que poidan realizar auditorías nos sistemas de saneamento municipal co fin de erradicar as infiltracións de augas brancas na rede e evitar vertidos.

As representantes do Goberno galego, xunto coa alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, informaron aos veciños e aos representantes do sector marisqueiro da resolución, a pasada semana, da concesión destas axudas da Xunta aos municipios para que conten con ese instrumento básico para a detección e corrección de problemas nas súas redes municipais.