Muros | Rescatadas dúas mulleres en Louro tras ser arrastradas polo mar

Rescate bañistas en Louro, Muros_GES Muros

  • Sucedeu este venres, arredor das 18:30 horas, na praia de Ancoradoiro

Gran susto o que pasaron tres bañistas na praia de Ancoradoiro en Louro, Muros, tras ser arrastrados pola corrente. O incidente produciuse arredor das 18:30 horas cando varios particulares alertaban do suceso ao 112 Galicia, desde onde confirmaban que un dos afectados puido saír da auga polos seus propios medios. Decontado se puxo en marcha un operativo no que participaron Salvamento Marítimo, o GES de Muros, a Policía Local e a Garda Civil.

Finalmente as dúas rapazas que se atopaban en apuros foron rescatadas pola dotación do GES para posteriormente ser trasladadas ata o Porto de Muros na Salvamar Régulos. Desde o 112 tamén se deu aviso ao helicóptero Helimer por se era necesaria a súa intervención.

Todas as vítimas se atopan en bo estado.