Museo de Bergantiños | Unha viaxe no tempo a través dos elementos que o integran


O edificio que alberga o Museo de Bergantiños foi construído no 1855, o mesmo ano no que empezou a funcionar a primeira rede electrotelegráfica do estado. Aquela foi a primeira das revolucións tecnolóxicas das que sería testemuño o inmoble público máis antigo de Carballo ao longo dos seus 167 anos de historia. Na nova exposición permanente, poderedes ver auténticas xoias desa evolución tecnolóxica cedidas pola Deputación da Coruña, pero tamén unha viaxe no tempo a través dos elementos que o integran. O patio central do edificio adquire un novo protagonismo, xa que se transforma no punto de recepción e de acceso de visitantes ás seis salas expositivas, cada unha cunha temática diferente:

  • Sala do son: o anhelo humano de gardar o son, as primeiras gravacións e a evolución dos dispositivos.
  • Sala do cálculo: a evolución das ferramentas para contar, os avances tecnolóxicos, a relación co desenvolvemento técnico e laboral e a importancia da tecnoloxía como impulsora do progreso humano.
  • Sala das copias: a necesidade de conservar copias de documentos, a evolución da impresora, o fax e o lector de microfilmes.
  • Sala dos computadores: a evolución dos computadores, a revolución tecnolóxica, novas formas de ocio e comunicación social, avances tecnolóxicos, relación co desenvolvemento técnico e laboral e importancia da tecnoloxía como impulsora do progreso humano.
  • Sala das máquinas de escribir: evolución das máquinas de escribir, o papel da muller na incorporación ao mundo laboral e a importancia da tecnoloxía como impulsora do progreso humano.
  • Sala do cinema: a experiencia do cinema no público.