Música, luces e inchables para recibir aos Reis Magos na Costa da Morte

Concello de Malpica

Miles de nenos da Costa da Morte espertan este xoves, 6 de xaneiro, cun detalle ou agasallo nas súas casas. Os culpables destes presentes son os Reis Magos de Oriente que, durante a xornada de onte, percorreron as parroquias de diferentes concellos da comarca para repartir alegría entre a veciñanza.

VIMIANZO

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, recibiu aos Reis Magos antes de que comezasen o itinerario que os levou a visitar as 14 parroquias do municipio. Tras a viaxe, as Súas Maxestades remataron o traxecto na Praza do Concello.

Recepción da Cabalgata de Reis en Vimianzo_Concello

CAMARIÑAS

Outro ano máis, os Reis Magos chegaron a Camariñas por mar. Despois de ser recibidos no porto pola alcaldesa, Sandra Ínsua, agardaron na lonxa a que as condicións meteorolóxicas permitiran iniciar o seu percorrido por todas as parroquias e subidos nunhas carrozas moi vistosas. Por outra banda, o Concello decidiu cancelar os inchables programados para a tarde deste mércores debido á situación epidemiolóxica.

Os Reis Magos por Santa Mariña, Camariñas_Concello

CABANA

A Cabalgata dos Reis Magos en Cabana tivo dous días de duración. Na xornada deste mércores as Súas Maxestades achegáronse ata o pavillón municipal para unha recepción real. Tampouco faltou a diversión cos inchables nin a boa música de man de O Son do Castro.

Reis Magos en Cabana_Cedida

MUXÍA

A ruta de Muxía foi das máis longas que realizaron as Súas Maxestades de Oriente. Percorreron uns 150 quilómetros durante máis de once horas para, sobre as 19:30 horas, chegar ata o porto muxián e gozar dun espectáculo pirotécnico. Ademais, pasadas as oito da tarde a Sala da Camposa acolleu unha recepción real cun aforo limitado.

Cabalgata dos Reis Magos en Muxía

PONTECESO

En Ponteceso non houbo cabalgata, pero os Reis Magos achegáronse ata biblioteca do centro cultural da vila para poder falar con moitos nenos do municipio que reservaran previamente unha cita. Ademais dunha pequena charla, cada neno marchou para a súa casa cun agasallo.

Recepción dos Reis Magos en Ponteceso_Cedida

MALPICA

Malpica centrou as súas cabalgatas e recepcións no dinamismo para evitar aglomeración. Ademais, as Súas Maxestades estiveron acompañads de música en directo e figuras xigantes.

Actuación musical en Malpica_Concello