- O programa de clausura arrincará o domingo 22 de maio coa gala de fin de curso da Escola de Música Moderna. Será na Casa da Cultura ás 20.00 horas
O Concello de Vimianzo clausurará as escolas municipais en diversos actos que darán comezo o vindeiro 22 de maio coa gala de fin de curso da Escola de Música Moderna, no auditorio da Casa da Cultura ás 20:00 horas.
Todas as actividades desenvoltas nos eidos da cultura e do deporte despedirán un ano «marcado de experiencias», sinalan desde o Concello, dentro dun programa municipal cuxo obxectivo principal «é fomentar o coñecemento de habilidades de tipo cognitivo, poñer en valor o traballo en equipo e fomentar hábitos saudables na poboación».
O venres 27 de maio, ás 20:00 horas, a sala de exposicións Antón Mouzo da Casa da Cultura acollerá a inauguración dunha exposición da Escola Municipal de Arte e Palillo. Unha hora máis tarde será celebrarase a gala final de curso da Escola de Música Tradicional galega, danza e baile tradicional, tamén na Casa da Cultura.
O sábado 28 de maio, ás 18:00 horas, o auditorio da Casa da Cultura será escenario para a Mostra final de Curso da Escola de Teatro Infantil. Ó día seguinte, o domingo 29, a Escola Municipal de Teatro Adulto executará Fin de mes ás 20:00 horas.
O venres 3 de xuño terá lugar o peche da programación. Para as 18.00 horas está prevista unha exhibición da Escola de Patinaxe, e media hora máis tarde será o turno da Escola de Tiro con Arco. Ambas desenvolveranse no pavillón municipal. Finalmente, ás 19.00 euros a Praza do Concello acollerá a festa de fin de curso das escolas culturais e deportivas.