Música, teatro e animación no outono cultural de Cabana  

O Concello de Cabana de Bergantiños presentou a súa programación cultural para este outono incluíndo entre o seu amplo ábaco de propostas numerosas actividades dirixidas a todo tipo de públicos.

O domingo, día 22 de outubro, darán comezo as actividades co inicio dos ‘Domingos de baile’ que animarán as xornadas dominicais no centro de maiores de Neaño grazas ás actuacións de Judith Cundíns, Rocío Pérez, Alber Tito e Lupe, todos eles a partir das 19:00 horas.

Tamén o domingo 22, Xarope Tulú desembarcará ás 18:00 horas no auditorio municipal para levarlle ao público cabanés “A Lingoreteira”, unha peza teatral que pon de manifesto a narración oral.

O xoves 26 de outubro realizarase unha viaxe á Ribeira Sacra na que se inclúe paseo en barco, visita a unha bodega e degustación de produtos da zona.

Pola súa parte, o sábado, día 28, volverá un ano máis o roteiro ‘As Cores de Samaín’ no que as persoas asistentes percorrerán disfrazados portando luces ou candís un itinerario desde o Dolmen de Dombate ata o Castro de Borneiro, con inicio ás 18:00 horas, co acompañamento musical de O Son do Castro e as representacións teatrais de ‘Os Quinquilláns’.   

A obra de teatro “As palabras perdidas”, de Inventi Teatro pechará o mes de outubro o día 28 a partir das 18:00 horas no Auditorio Municipal.

A programación cultural de novembro iniciarase o día 7 de coa proxección do documental ‘O médico dos pobres’, que repasa a figura e traxectoria de Federico A. Rioboo.

O día 10 os máis cativos do municipio poderán gozar da ‘Romaría de Inverno no Verán de San Martiño’, con múltiples actividades como degustación de castañas asadas e chocolate, contacontos con Anxo Moure e música por conta de Os Festicultores.

O 19, o auditorio municipal será o escenario de “Historia dunha nena namorada do mar” unha peza de teatro que versa sobre o anhelo dunha moza galega por ser mariñeira. A función dará comezo ás 18:00 horas.

Pola súa parte, o venres 24 de novembro, conmemorarase a xornada “A visibilidade da muller” con motivo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra as Mulleres o día 25 de novembro. Dita actividade terá lugar na Casa do Pendón ás 11:00 horas e para asistir é necesario inscribirse con antelación no 981 754 020 ou no departamento de Cultura do Concello.

O festival ‘As Nosas Músicas’, organizado pola Asociación de homes e mulleres da Coral de Cesullas pechará o domingo 26 as actividades en novembro coas actuacións a partir das 18:00 horas no auditorio municipal das seguintes agrupacións e artistas cabaneses: Jacinto Paredes e os seus acordeóns,  Manuel Souto, Felipe Gómez, o grupo de gaitas Maruxía, Os Enxebres de Cabana, O Son do Castro, My Way, Os Farrapos, Eloy Mato e Pablo Barreiro.

Decembro comezará tamén coa música como a gran protagonista coa celebración do XIX Festival Tempos de Nadal, o día 2 a partir das 18:30 horas no auditorio municipal, coas actuacións das corais Don Diego de Muros, de Cesullas e a Coral Polifónica Santa Mariña de Ponteceso.

O día 15 , tamén no auditorio municipal, terá lugar  a actividade “Abrazando o Nadal” na que intervirán As Cantareiras de Riobó e as de Anos, Son de Cabana e as corais de Canduas e Cesullas.

O concerto de Nadal, por conta de Pablo Díaz, programado para o día 17 de decembro ás 18.00 horas no auditorio municipal será o encargado de pechar a programación de outono de Cabana de Bergantiños.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha