Música, teatro e castañas para celebrar un Samaín ‘máxico’ en Cabana

Samaín

  • O Concello organiza varias actividades enmarcadas dentro do programa ‘Outono Cultural’

O departamento de Cultura do Concello de Cabana, dentro da programación do ‘Outono Cultural’, achegará este sábado o espírito do Samaín cun roteiro máxico. ‘As cores do Samaín’ é unha actividade que levará á rapazada cabanesa por un percorrido que comezará ás 18:00 horas no Dolmen de Dombate e que finalizará no Castro de Borneiro. Unha vez completada a ruta haberá degustación de castañas e da froita da inmortalidade ao ritmo da música de O Son do Castro e das representacións teatrais de Os Quinquilláns. Os participantes deberán ir disfrazados e portando unha luz ou candil para seguir a ambientación da cita.

O domingo 31 tamén terá lugar o espectáculo cómico ‘Desconcerto’, de Culturactiva. Esta actuación, que estará a cargo dos actores Fran Rei e Félix Rodríguez, celebrarase nas instalacións do auditorio municipal a partir das 18:00 horas.

As actividades contan con aforo limitado e será necesario inscribirse previamente a través do teléfono do departamento de Cultura, no 981 754 020.

Esta programación cultural conta coa organización do Concello de Cabana e a colaboración da Deputación da Coruña, Gadis e a Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22.