Música, teatro e xogos tradicionais na VI Muiñada vimiancesa

VI Muiñada_Concello de Vimianzo

  • O evento, organizado pola asociación Cherinkas, celebrouse en diferentes muíños da localidade

Vimianzo retomou a súa xa tradicional Muiñada con música, teatro e xogos. Despois do parón do pasado ano debido á Covid-19, esta sexta edición celebrouse en diferentes muíños da zona como os de Cambeda e Ogas, A Gándara, Pasantes e A Agra. A nivel musical, os participantes puideron desfrutar dunha sesión vermú a cargo de Davide Salvado e Fransy González e unha actuación final con Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre e Alá.

O obxectivo da Muiñada é «promover o valor patrimonial destes espazos de Vimianzo, á vez que se aposta pola cultura galega», sinalan desde o Concello. O evento foi realizado pola asociación cultural Cherinkas, contando ademais coa colaboración da Deputación da Coruña.

A alcaldesa, Mónica Rodríguez, que se achegou ao remate da programación para participar na mesma, destacou a «implicación social de Cherinkas e de todas as persoas que mercaron a súa entrada para poder gozar, dun xeito ou doutro, desta marabillosa velada».