Muxía | Aberto o prazo para inscribirse nas actividades de memoria para persoas maiores

1 minutes read
  • Estas actividades, resultado dun acordo entre o goberno local e Afafes, van dirixidas a personas de máis de 60 anos

O Concello de Muxía poñerá en marcha o programa Vida Activa para previr os problemas de memoria nos seus maiores, así como para mellorar o seu benestar emocional e axudar a entablar novos lazos sociais e afectivos.

Esta actividade, pensada para maiores de 60 anos, é o resultado dun acordo entre o propio Concello e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias de Fisterra e Soneira – Afafes, que conta con profesionais especialistas na materia.

Vida Activa desenvolverase en varios puntos do municipio en días alternos. Os luns será na propia vila de Muxía, de 9:45 a 11:15 horas, e tamén na aldea de Os Muíños, de 11:30 a 13:00 horas. Os martes pola mañá, de 10:00 a 11:30 horas, as actividades realizaranse en Quintáns; e os xoves en Senande, de 9:30 a 11:00 horas, e tamén en Frixe, pero de 11:15 a 12:45 horas.

O programa realizarase con todas as medidas de protección e hixiene, sendo obrigatorio o uso de máscara sanitaria durante todas as actividades. Quen desexe participar deberá anotarse chamando ao 981 74 20 01.