- Estas axudas van dirixidas a autónomos, con ou sen persoal a cargo, e microempresas
A partir deste xoves e ata ás 14:00 horas do 25 de novembro, as microempresas e autónomos de Muxía, con ou sen persoal ao seu cargo, poden solicitar as axudas do programa PEL Reactiva da Deputación Provincial da Coruña, que contarán cun crédito de case 75.000 euros.
Os solicitantes deberán cumprir algún destes supostos: ter cancelada a súa actividade ao verse afectados pola declaración, en marzo, do estado de alarma debido á pandemia ocasionada pola Covid-19; que non se visen afectados polo peche pero cuxa facturación no segundo trimestre fiscal de 2020 se vise reducida polo menos nun 75% en relación co promedio efectuado no semestre anterior ao estado de alarma; ou que se visen no deber de acollerse a un ERTE.
A finalidade destas axudas é facilitar medios ás microempresas e autónomos dos municipios adheridos ao Fondo de Financiación, para facer fronte ás consecuencias derivadas da crise motivada pola COVID-19.
O procedemento de solicitudes estará aberto a través da sede electrónica do concello de Muxía, desde onde facilitan o teléfono 981 74 20 01, á atención do departamento da Axencia de Desenvolvemento Local, para resolver todas as dúbidas.