Muxía converterase esta fin de semana en punto de encontro para profesionais e amantes do mundo dos títeres coa celebración do XIII Encontro Titiriteiro, que terá lugar do 25 ao 27 de setembro.
UNIMA Galicia (Unión Internacional da Marioneta) escolleu o concello de Muxía como sede oficial desta nova edición, que reunirá formacións galegas e compañías internacionais procedentes de Bélxica, Portugal e Brasil.
Durante tres días, diferentes rúas, prazas e espazos municipais acollerán funcións abertas ao público, encontros profesionais e actividades arredor do teatro de títeres. A celebración permitirá levar boa parte da programación ao exterior e achegar esta disciplina artística tanto á veciñanza como ás persoas que visiten Muxía durante a fin de semana.
O encontro comezará o venres 25 de setembro ás 17:30 horas cun pasarrúas pola vila no que participará a mocidade de Muxía acompañada pola Charanga Paradela. Ás 19:15 horas terá lugar na Praza Cabo da Vila a presentación oficial desta décimo terceira edición e, a continuación, ás 19:30 horas, chegará a primeira función de rúa da man do artista Alex Barti, de Bélxica.
A programación continuará o sábado 26 ás 11:00 horas cunha sesión de improvisación para profesionais dos títeres impartida por Arturo Cobas Lema na Sala Gervasio Sar. Ás 13:00 horas, o Malecón acollerá Barbacena, da Compañía Heliodora de Portugal.
Xa pola tarde, ás 18:00 horas, celebrarase a Feira das verdades, que reunirá diferentes compañías galegas nas prazas Cabo da Vila e da Constitución. A xornada pecharase ás 23:00 horas cunha velada cabareteira titiriteira no Camping Lago Mar, con Arturo Cobas Lema como mestre de cerimonias.
O domingo 27 comezará ás 11:30 horas cunha mesa redonda na Biblioteca baixo o título Posibles solucións aos problemas dos pequenos titiriteiros. Ás 13:30 horas regresarán as funcións ao Malecón con Mircromina Títeres, de Galicia.
A clausura chegará ás 17:00 horas no Salón do Voluntariado, cunha función da trupe Habib e Valeria, de Brasil, que porá o punto final a tres días dedicados ao mundo da marioneta.
A elección de Muxía como sede desta edición permite incorporar á programación cultural do municipio un encontro con presenza internacional e aproveitar diferentes espazos da vila como escenarios para achegar os títeres ao público de todas as idades.
O XIII Encontro Titiriteiro está organizado conxuntamente por UNIMA Galicia e o Concello de Muxía, conta co patrocinio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Xacobeo 2027, e coa colaboración da Deputación da Coruña.
PROGRAMA
Venres 25
● 17:30 h. Pasarrúas inicio Encontro coa mocidade de Muxía coa “Charanga Paradela”. Rúas do casco urbano.
● 19:15 h. Presentación do XIII Encontro Titiriteiro.
Praza Cabo da Vila.
● 19:30 h. Función de rúa con Alex Barti (Bélxica).
Praza Cabo da Vila.
Sábado 26
● 11:00 h. Impro para profesionais dos títeres con Arturo Cobas Lema.
Sala Gervasio Sar – Usos múltiples.
● 13:00 h. Función de rúa: Barbacena, da Compañía Heliodora (Portugal).
Malecón.
● 18:00 h. Feira das verdades, con compañías galegas.
Praza Cabo da Vila e Praza da Constitución.
● 23:00 h. Velada cabareteira titiriteira con Arturo Cobas Lema como mestre de cerimonias.
Camping Lago Mar.
Domingo 27
● 11:30 h. Mesa redonda: Posibles solucións aos problemas dos pequenos titiriteiros. Biblioteca.
● 13:30 h. Función de rúa: Mircromina Títeres (Galicia).
Malecón.
● 17:00 h. Función de clausura: A trupe Habib e Valeria (Brasil).
Salón do Voluntariado.
