Muxía acollerá este sábado 24 a “I Folía da Sartaña”, con música e baile tradicional

1 minutes read

A cita terá lugar no Camping Lago-Mar, está organizada pola asociación “Pa Feira co que Temos” , conta coa colaboración do Concello de Muxía e Horta Creativa, ademais de moitas empresas da contorna.
A xornada festiva e cultural contará con obradoiros de baile e danza tradicional, entre eles os das tres danzas brancas que aínda perduran neste concello, actuacións de máis dunha ducia de grupos musicais da contorna, o concerto de Lorelia e unha foliada libre como peche da xornada.
O evento, que estará presentado por Anjustias e José Manuel Mira, ofrecerá ademáis unha proposta de gastronomía tradicional a un prezo de 10€.
Tamén haberá distintos sorteos de xornadas gastronómicas en establecementos colaboradores.
Esta cita nace co obxectivo de dinamizar a cultura, o baile e a música tradicional viva na Costa da Morte ao longo de todo o ano, e non só en datas turísticas.


Programa de actividades


A xornada dará comezo ás 16:00 horas cun Obradoiro de baile e danza tradicional. A partir das 17:30 horas, a música tradicional tomará o escenario coa participación dun amplo abano de agrupacións e formacións:

  • Xaramiños
  • Abaladeiras
  • Vaiche Boa
  • Con Todo en Banda
  • Mar Devalado
  • Petaforte
  • Nin Chica Nin Patacón
  • Pedras Miúdas
  • Trubisquiñas
  • AV San Adrián de Toba
  • AC Fonte Santa
  • Sentenarios
  • Abelleira
  • Pa Feira co que Temos

Como peche da programación prevista, terá lugar o concerto de Lorelia, tras o cal se abrirá a foliada libre para que todas as persoas que así o desexen poidan sumarse a tocar, cantar e bailar ata o remate. O cartel anunciador foi ilustrado pola artista Viki Rivadulla.