Muxía acolleu unha sesión informativa sobre o cancro grazas á AECC local

1 minutes read
  • A actividade rematará este sábado 7 cunha andaina solidaria

A Sala da Camposa de Muxía acolleu esta semana a inauguración da exposición 50 anos cambiando a historia do cancro, da Asociación Española Contra el Cáncer. Un acto no que tamén houbo tempo para un coloquio organizado pola Xunta Local de Muxía, presidida por Rosa Valiña, e no que participou Clotilde Costa Nogueira, responsable da Línea de Biopsia Líquida da Unidad Mixta Roche-Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. A investigadora explicou diferentes asuntos relacionados con esta doenza.

A sesión tamén contou coa presenza do alcalde de Muxía, Iago Toba, que destacou «o bo facer da Asociación Española Contra el Cáncer e da Xunta Local por organizar estas charlas tan positivas e didácticas». O rexedor tamén salientou o traballo e esforzo de Rosa Valiña e as súas compañeiras, que realizan «un labor extraordinario» no municipio.

Andaina solidaria
Esta xornada en prol da investigación contra co cancro rematará coa andaina solidaria Muxía en marcha contra o cancro, que terá lugar este sábado, 7 de maio. Trátase dun percorrido de 5 quilómetros que sairá da lonxa da vila ás 10.30 horas, pasando pola praia da Cruz, a Arliña e o Santuario da Virxe da Barca para volver ao punto inicial.

As persoas interesadas poderán inscribirse ata este venres no edificio da Xunta Local de Muxía, en horario de 16:00 a 18:00 horas.