Muxía acorda coa Deputación a reestruturación do pavillón polideportivo

2 minutes read

O grupo de Goberno de Muxía acadou un acordo histórico coa Deputación da Coruña que investirá 300.000 euros na reestruturación e no equipamento do pavillón polideportivo do municipio.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso e o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, recibiron ao alcalde, Iago Toba, e aos concelleiros, Olalla Benlloch e Javier Romar, nas dependencias da institución provincial para dar luz verde a esta intervención. 

Así, Deputación de Coruña comprometeuse a financiar esta actuación que converterá o recinto municipal nun renovado centro deportivo con ximnasio, salas equipadas, zona de descanso e cafetería autoservicio, entre outras melloras.

Este acordo, no que goberno local trasladou a folla de ruta para reconstruír a actual instalación, permitirá transformar o actual recinto e modernizar a súa estética e funcionalidade, adecuándoas ás necesidades de veciñanza.

Tras a reunión, o alcalde, Iago Toba, quixo agradecer “a disposición e a colaboración en todo momento da Deputación da Coruña para chegar a outro acordo conxunto e para que Muxía poida contar cun centro deportivo de referencia”.

“O presidente, González Formoso continúa apostando polo noso municipio e nós estamos moi satisfeitos e agradecidos porque é un claro exemplo da nosa forma de gobernar e ver a política; traballando para o benestar da nosa veciñanza”, engadiu o rexedor.

O concelleiro de Obras, Javier Romar, puxo en valor “a importancia desta reunión, clara mostra do compromiso real que o presidente e a Deputación teñen co noso municipio, xa que un investimento desta magnitude non se consigue todos os días”.

Pola súa banda, Bellonch destacou que “esta era unha necesidade real e relevante para Muxía. Agora, co compromiso económico e o apoio da Deputación da Coruña imos poder facer realidade outra demanda histórica, como o fixemos anteriormente coa gardaría ou con outros proxectos de gran relevancia”.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?