O Concello de Muxía iniciou esta semana os traballos para a elaboración do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable (PACES), co que pretende reducir as emisións de CO2 no seu territorio nun 40 por cento de aquí a 2030. Un obxectivo que pretende conquerir a través da mellora da eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovables.
Antes de nada elaborarase un inventario de emisións de referencia de CO2 debidas ao consumo de enerxía no territorio, para posteriormente realizar unha avaliación de riscos e vulnerabilidades climáticas. Os traballos están subvencionados pola Xunta de Galicia e cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.
O alcalde, Iago Toba, reuniuse coa empresa coordinadora dos traballos e co persoal técnico municipal para concretar detalles e afirmou que o reto é “facer de Muxía un concello que esté totalmente ao día coas responsabilidades medioambientais que se requiren”.