Muxía adica a Galería Mulleres de marzo á escultora Elena Colmeiro

Elena Colmeiro. Fotografía de Xurxo Lobato, Concello de Muxía

  • Falecida recentemente, foi unha figura rompedora e precursora na escultura cerámica

A escultora Elena Colmeiro, falecida recentemente, é a protagonista da Galería Mulleres de marzo no Concello de Muxía. Este espazo, que busca poñer en valor e dar a coñecer a aquelas mulleres que tiveron un gran impacto na cultura galega en todas as súas vertentes, cumpre 11 anos e faino lembrando a unha figura rompedora e precursora na escultura cerámica.

Criada nun ambiente artístico (seu pai era pintor) en 1941 embarca para Bos Aires para reunirse con el, establecendo ademais relacións con intelectuais galegos como Luís Seoane. Aínda que a súa primeira intención era cursar Arquitectura, estuda na Escola nacional de Cerámica de Bos Aires.

Na década dos sesenta, Colmeiro é considerada unha das máis importantes escultoras cerámicas da península ibérica. Os seus traballos revolucionan o concepto tradicional deste oficio obtendo varios premios. Foi nomeada académica de honra da Real Academia Galega de Belas Artes no 2019.

A concelleira de Cultura en Muxía, Olalla Benlloch, destaca a relevancia do “papel de Elena Colmeiro na artesanía galega, sen un arquetipo definido, característica que facía tan interesante a súa obra”.