Muxía adquire un desfibrilador para o vehículo patrulla da Policía Local


Este instrumento adquirido polo Concello é un dos máis avanzados do mercado e servirá para atender posibles casos de insuficiencia cardíaca detectados tanto en adultos como en nenas e nenos.

Este era un compromiso adquirido polo goberno local tanto co departamento como ca veciñanza, xa que o executivo considera que os equipos municipais son, tanto Policía Local como Protección Civil, os primeiros en chegar ante unha emerxencia. Polo tanto, decidiuse incorporar á patrulla este elemento, que ‘aumenta a posibilidade de atención ante unha dolencia cardiaca e mesmo pode ‘salvar vidas’, apunta o alcalde, Iago Toba.

O rexedor muxián quixo agradecer, co motivo desta adquisición, ‘o traballo dos corpos e forzas de seguridade de Muxía, encomiable durante a pandemia. Dotaremos de material na medida do que poidamos porque é unha parte indispensable da nosa protección como sociedade’, argumentou o edil.