Muxía anuncia a recuperación da Festa dos Maiores para o 28 de maio


Tras dous anos de parón pola emerxencia sanitaria da covid-19, Muxía volverá celebrar a Festa dos Maiores. Así o confirmaron desde o goberno local, sinalando que “a intención é que a vindeira edición sexa o máis especial posible tras a imposibilidade de celebrar esta cita no 2020 e no 2021”. Aproveitando a actuación da orquestra El Combo Dominicano dentro da programación da XXIV Festa do Congro, o equipo de goberno adiantou, non só a celebración desta cita, senón tamén unha nova convocatoria do MuxiUP Parque de Atraccións.

O goberno local está traballando xa para organizar a vindeira xuntanza, que terá lugar o sábado, 28 de maio. Neste sentido, avanzan que a festa contará con “importantes novidades e cunha actuación sorpresa”.

O anuncio desta celebración coincide coa eliminación das restricións e coa volta da nova normalidade. Muxía convértese, deste xeito, no primeiro concello da Costa da Morte en retomar este tipo de eventos. Desde o goberno local sinalan que se trata dunha cita “moi agardada, ano tras ano, polos veciños e veciñas máis maiores do municipio, especialmente desde o inicio da pandemia”. O equipo de goberno explica que “este tipo de celebracións son máis necesarios que nunca, sobre todo en termos sociais, favorecendo a relación e a socialización das persoas de maior idade, un dos colectivos máis afectados pola emerxencia sanitaria da covid-19”.  

A previsión do goberno é descubrir todos os detalles do evento na primeira semana de maio, cando se organizará a presentación. Neses días comezarán tamén a chegar as cartas/convites á veciñanza de Muxía.