O equipo de goberno anunciou tras o pleno deste mes que o Concello de Muxía ten, a día de hoxe, un remanente de tesourería de máis de 2.800.000 euros e asegurou novas e importantes inversións nas vindeiras datas.
Deste xeito, o executivo anunciará no vindeiro pleno novos proxectos e actuacións de gran importancia como a segunda fase da auga de Suxo ou un plan de emprego para limpeza do rural.
“Esta é unha mostra máis de que están a realizarse importantes obras con cargo a remanente sen que este se vexa apenas afectado porque se compensa coa boa xestión económica levada a cabo polo concello”, destacou o alcalde de Muxía, Iago Toba.
Novas e importantes actuacións
Tras o anuncio, o grupo de goberno local puxo en valor que “mentres haxa necesidades, preferimos non presumir de remanente e investir en beneficio dos veciños e veciñas de Muxía”. Así, a intención do executivo é a de dar luz verde a importantes inversións para o municipio, entre as que destacan:
- A segunda fase da auga de Suxo, un compromiso do goberno local que cando aínda non se rematou a primeira xa se continuaría coa segunda, tal e como anunciou o rexedor recentemente nunha reunión veciñal.
- Plan de arranxos das rexillas de recollida dos pluviais no núcleo muxián.
- A compra dunha nova bomba de captación de auga na ETAP dos Muíños, mellorando notablemente o caudal actual.
- Novo plan de emprego centrado na limpeza do rural.
Estas propostas serán presentadas polo equipo de Goberno na vindeira sesión plenaria que se convocará nos vindeiros días.
“Este goberno nin despilfarra, tal e como os datos demostran, nin falta á verdade como si o fai a oposición. Pero o que si que está a facer este goberno é levar a cabo decenas de importantes obras sen que os aforros se visen afectados, a pesar dos continuos bloqueos e obstáculos da oposición durante toda a lexislatura”, destacou Toba.
Engade para rematar que “os datos obxectivos son o maior inimigo desta oposición desesperada e obsesionada en quitar a este goberno como sexa, aínda que para iso prexudiquen aos veciños e veciñas de Muxía”.