O grupo de goberno do Concello de Muxía anunciou un remanente de tesourería de máis de 3 millóns de euros a través do cal presentará, na vindeira sesión plenaria do 18 de marzo, un plan de mellora da rede viaria do municipio.
O alcalde, Iago Toba, destacou que “a boa xestión económica municipal que se está a levar cabo permite propoñer diversas melloras e obras ao longo de todo o municipio, sen necesidade de aumentar ningún imposto ou taxa. Son intervencións necesarias que responden á imperiosa necesidade de execución dado o estado no que se atopan estas vías e camiños”.
As intervencións a realizar inclúen o arranxo de vías e estradas así como de camiños interiores de núcleos rurais do Concello que precisan de atención urxente. Tamén está previsto un proxecto de mellora dunha fase dos camiños interiores na localidade de San Martiño, que non puido ser incluído no orzamento complementario e que precisa tamén de arranxo con celeridade.
Desde o grupo de goberno defenden que “as propostas a presentar están conformadas por obras que tiveron que ser rexeitadas para substituílas por aquelas que a oposición impuxo, e por tanto, non queremos que a nosa veciñanza pague por esa decisión da oposición”.