Muxía aposta polo Camiño de Santiago e consolídase como protagonista neste Xacobeo

1 minutes read

O Concello de Muxía aposta polo Camiño de Santiago e instalará o ‘Punto Xacobeo’, que consistirá nun espazo onde os peregrinos e turistas poderán atopar información relacionada co Camiño e coas actividades do Xacobeo.

O stand, situado na oficina de turismo da vila, estará dispoñible a primeiros de agosto e ata que remate o ano Xacobeo. Tamén, as persoas que o desexen poderán facerse unha foto de recordo coa simboloxía propia do Camiño e do municipio que estará exposta.

Ademais, tanto a oficina de turismo como os albergues do núcleo da vila, expedirán a Muxiana a aqueles peregrinos que elixan o Santuario da Virxe da Barca como final do seu longo camiñar.

“Temos preparadas un gran número de Muxianas para repartir entre os peregrinos, ante a previsión do éxito que ten Muxía como marca de calidade e como destino final do Camiño neste ano”, destacou o alcalde, Iago Toba.

Outras das iniciativas nas que participará o Concello será na colocación, que levará a cabo a Xunta de Galicia, das bandeirolas con motivos do Camiño de Santiago e que se instalarán en tramos de distintos municipios polo que pasa o percorrido.

Deste xeito, Muxía aposta en firme polo Camiño e por este dobre ano Xacobeo tras o parón absoluto do pasado ano.

Na mesma liña, Toba remarcou que “Muxía está preparada para recibir aos camiñantes e turistas nun ano no que se levaron a cabo a apertura de albergues de calidade e novidosos no Concello”.