O Concello de Muxía aprobou, nun pleno extraordinario, a organización do novo equipo de goberno para este mandato, que sumou dúas concellerías máis con respecto ao anterior.
O recén reelixido alcalde de Muxía, Iago Toba, apostou por aglutinar áreas de goberno nas cinco concellarías, co obxectivo de potenciar a eficiencia laboral e o aforro económico para as arcas municipais.
A oposición bloquea as dedicacións exclusivas
Aínda así, os membros da oposición, tanto Partido Popular, Independentes de Muxía e BNG, paralizaron as dedicacións exclusivas propostas polo grupo de goberno; tanto do alcalde, Iago Toba (42.420 euros brutos anuais en 14 pagas), como dos concelleiros, Olalla Benlloch e Javier Romar (25.200 euros brutos anuais en 14 pagas cada un), primeira e segundo tenente de alcalde respectivamente.
A oposición propuxo deixar enriba da mesa para o seguinte pleno e negociar previamente a dedicación exclusiva dos tres membros do grupo de goberno, alegando falta de consenso e sen apenas presentar argumentos xa que tal e como destacou Toba en sesión plenaria “son dedicacións con importes dos máis baixos da Costa da Morte, tanto o do alcalde como os dos concelleiros, polo que deducimos que este movemento da oposición non responde a cuestións salariais ou económicas”.
“Tanto Olalla como Javier levan case catro anos traballando a reo e sen cobrar nin un só euro das arcas municipais e agora non entendemos como formacións políticas poden poñer trabas a que persoas que traballan no sector público e para o pobo de Muxía teñan unha remuneración por unha dedicación exclusiva, unha remuneración ademais das máis baixas se as comparas con homólogos de toda a nosa contorna”, engadiu o rexedor.
O novo goberno local, que xa está traballando e realizando as primeiras xestións do mandato, queda dividido nas seguintes áreas:
O alcalde, Iago Toba, asumirá as competencias das áreas de Persoal, Turismo e Emprego.
- Olalla Benlloch, primeira tenente alcalde e concelleira de Cultura, Educación e Igualdade.
- Javier Romar, segundo tenente de alcalde e concelleiro de Obras, Parroquias, Medio Rural e Seguridade.
- Patricia Domínguez, concelleiro de Servizos Sociais, Asesoramento ao cidadán e Consumo.
- Felipe Vilela, concelleiro de Deportes, Xuventude e Asociacionismo.
No pleno tamén se aprobou, cos votos a favor de todas as formacións menos o BNG (que se abstivo), o réxime de indemnizacións por asistencias aos órganos colexiados que non teñan atribuída dedicación parcial ou exclusiva. Serán 60 euros por asistencia ás sesións plenarias, 50 por asistencia ás sesións da Comisión Informativa de Asuntos Xerais e da Comisión Especial de Contas e 30 por asistencia aos órganos colexiados.
Doutra banda, fixáronse as periodicidades das sesións do Pleno. As sesións ordinarias do Pleno celebraranse con carácter bimestral o último xoves de cada mes impar do ano, as 20:30 horas, no Salón de sesións da Casa do Concello de Muxía.
Votacións
No pleno, a periodicidade foi apoiada por unanimidade. A confección dos órganos colexiados foi aprobada cos votos da favor dos socialistas e coa abstención do popular e os votos en contra de independentes e BNG.
Por último, aprobouse por unanimidade a creación das comisións informativas, sendo 3 para o PSOE, 2 para o PP, 1 para Independentes por Muxía e 1 para o BNG.