Muxía aumenta o prazo de inscrición para a Festa dos Maiores do 28 de maio


O Concello de Muxía aumenta o prazo de inscricións para a Festa dos Maiores que terá lugar o vindeiro 28 de maio debido a alta demanda de peticións rexistrada nos últimos días, e as persoas que así o desexen, poderán anotarse ata dous días antes, o xoves 26. “Facémolo así porque cadraron dous festivos, as Letras Galegas e Santa Rita, polo que cremos xusto ampliar o prazo”, destacou o rexedor, Iago Toba, quen anuncia “máis sorpresas a esta amplia programación ó longo da vindeira semana”.

Tras dous anos de parón pola emerxencia sanitaria da covid-19, Muxía volverá celebrar a Festa dos Maiores, sendo a primeira vez que este equipo de goberno organice esta festividade tan simbólica para a Vila da Barca.

As persoas maiores que desexen acudir tan só deberán retirar as súas entradas presentando o seu DNI na oficina que estará habilitada na 3ª planta da Casa do Concello de Muxía, en horario de 10:00 a 13:00 horas.

Programación completa

✔️ 11:00 Misa cantada pola Coral Polifónica Virxe da Barca no Santuario de Nosa Señora da Barca.

✔️ 14:00 Xantar no Pavillón Polideportivo de Muxía. (O acceso ao recinto estará aberto a partir das 13:30h)

✔️  O grupo de musica tradicional ‘Xaramiños do Corpiño’ amenizará a entrada dos comensais no recinto.

✔️ Tras o xantar, concerto da artista PILI PAMPÍN.

✔️ Continuación da festa co GRUPO ÉLITE e con MANOLO DELFÍN.