- Esta iniciativa, subvencionada por case 370.000 euros, formará a 16 mozos dos diferentes municipios
Este martes a Casa da Cultura de Vimianzo acolleu a inauguración do programa “Xuventude polo emprego”, artellado en tres municipios da Costa da Morte e no cal se formarán 16 mozos de Muxía, Camariñas e da propia localidade vimiancesa.
Os rexedores decidiron unir forzas co obxectivo de fomentar o emprego, aumentar a inserción laboral e mellorar as capacidades dos seus veciños; conseguindo para iso unha subvención de 369.492,32 euros. O programa está cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Fondo Social Europeo ‘Iniciativa de Emprego Xuvenil, o FSE inviste no teu futuro’.
A sede estará en Vimianzo, como entidade promotora, pero as prazas repartiranse de xeito equitativo entre os tres municipios. ‘Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxía web’ e ‘Instalación de elementos de carpintería’ son os módulos a realizar polos alumnos, que contarán cun contrato de traballo durante a súa formación desde o 15 de setembro de 2020 ao 14 de setembro de 2021 (1.920 horas lectivas).
O alcalde de Muxía, Iago Toba; e as alcaldesas de Vimianzo e Camariñas, Mónica Rodríguez e Sandra Ínsua, respectivamente, mostráronse moi agradecidos coas axentes de desenvolvemento local de cada municipio, e reiteraron que seguirán colaborando neste tipo de iniciativas tan necesarias para a xente nova.