Muxía, Camariñas e Vimianzo lanzan unha experiencia turística de cara á Semana Santa

1 minutes read

Trátase de catro rutas organizadas polo alumnado-traballador do obradoiro dual de emprego “Camiño ao emprego” na especialidade de Promoción turística local e información ao visitante, pensadas para o comezo de Semana Santa. Os Concellos de Muxía, Camariñas e Vimianzo serán os encargados de acoller aos visitantes para desfrutar desta experiencia cultural.

Os eventos comezarán o luns 29 de marzo cunha ruta pola vila de Camariñas chamada “A muller, o encaixe e o mar” que pretende poñer en valor a figura das mulleres na vila mariñeira.

O martes 30 poderemos asistir a unha visita guiada polo castelo de Vimianzo para coñecer a historia do seu concello e da fortaleza medieval.

Para rematar estas xornadas o mércores 31 de marzo haberá dúas visitas pola vila de Muxía, a ruta “Coído, zona cero” para coñecer a realidade do Prestige e visitar o Museo do Voluntariado e tamén un agradable paseo pola costa muxiana co roteiro “Vila de salitre” que amosará a cultura mariñeira deste lugar onde se unen realidade e misterio.

As visitas guiadas terán un aforo limitado a catro persoas por mor das restricións sanitarias polo que será necesario anotarse previamente por vía telemática, indicando nome e teléfono de contacto, ao seguinte correo electrónico: turismo.caminoaoemprego@gmail.com.